amp templates

Programa de Goberno
2019-2023

Transparencia e
participación veciñal

Publicación na web do Concello das Declaracións de Bens de todas e todos os edís ao inicio e fin de cada mandato.

Celebración dos plenos ordinarios do Concello nun día e a unha hora que facilite a asistencia ás veciñas e veciños.

Orzamentos Municipais participativos mediante o establecemento dunha porcentaxe de aplicación anual e dos mecanismos de consulta aos veciños e veciñas.

Facilitar o acceso das veciñas e veciños aos expedientes de interese público colectivo (representación veciñal nas comisións informativas, copia de documentación, información e asesoramento das posibilidades de impulso/oposición, etc).

Coa presentación mínima de 100 sinaturas, os veciños e veciñas poderán solicitar perante o Pleno a constitución dunha comisión de investigación sobre calquera eido ou actuación de ámbito municipal, que será ditaminada obrigatoriamente por este organismo.

Organización e
Persoal

Racionalización do gasto en persoal e cualidade no traballo e do traballo do persoal do Concello. O noso Concello revalorizará os postos de traballo público municipal, fundamentais para un funcionamento realmente público dos seus servizos, apostando polo respeito escrupuloso cos dereitos e deberes das persoas nel empregadas, e polo cumprimento dos deberes e obrigas dos mesmos, co mesmo obxectivo da cualidade na prestación pública dos servizos municipais.

Definición dos labores e tarefas das e dos traballadores mediante a elaboración da RTP. Arranxo do sistema informático de “fichado” inexplicabelmente inoperativo desde a súa aparente implantación.

Garantirase o cumprimento dos principios de Igualdade, Mérito e Capacidade para o acceso a calquera posto de traballo, temporal ou permanente que se oferte no Concello.

A designación da composición dos tribunais de selección e a aprobación das bases das convocatorias será delegada pola Alcaldía nunha Comisión integrada por un/ha representante de cada un dos grupos políticos municipais que garantirá a obxectividade nos procedementos selectivos.

Actualización das Listas de Contratación do persoal laboral mediante un procedemento obxectivo e publicación das mesmas na páxina web municipal.

Priorización do investimento fronte ao gasto en infraestruturas móbeis. O Concello adquirirá gradualmente os recursos técnicos e materiais empregados de xeito recorrente para as distintas festividades anuais, coa perspectiva da amortización de tales investimentos, abandonando a praxe incomprensíbel do gasto a fondo perdido para o emprego de carpas, stands, cadeiras e equipos de son destinados aos distintos actos e actividades municipais.

Facenda,
Obras municipais e
Servizos Públicos

Revisión de todas as ordenanzas fiscais que regulan os impostos (IBI, IVTM, ...) e taxas que recada o Concello.

Con carácter xeral aqueles contratos que deba realizar o Concello (fornecedores, obras, servizos, etc.) realizaranse por procedementos que inclúan a publicidade, fuxindo das modalidades de Adxudicación Directa e Negociado Sen Publicidade e establecendo un Regulamento Municipal de Contratación que detallará de xeito obxectivo todos os aspectos relacionados coa contratación e adxudicación de obras e servizos.

Publicación de todos os contratos e dun extracto anual dos pagos realizados a cada unha das empresas adxudicatarias de obras ou servizos que inclúa a razón social, o concepto e o importe abonado polo Concello.

O órgano competente para a adxudicación das obras e servizos será o Pleno, salvo nos casos xustificados de urxencia.
Nos Pregos de condicións un dos criterios a introducir para a súa valoración será o cumprimento das obrigas empresariais cos empregados e empregadas e o respecto aos dereitos sociais e salariais, sendo causa de inadmisión ou valoración negativa ter nos antecedentes a vulneración dos mesmos.

Remunicipalización da Xestión Integral do Servizo de Subministración de Auga, Saneamento e Depuración do Concello.

Recuperación para a xestión municipal do servizo de recollida do lixo e da recadación dos impostos municipais.
O Concello de Xinzo recuperará a xestión directa do Museo Galego do Entroido.

Urbanismo,
Espazos Verdes e
Humanización

Limpeza da Vila. Instalación de máis contedores e máis integrados nas rúas, mellora do funcionamento no servizo de limpeza ordinario e extraordinario (após festas e eventos).

Implantación dun novo sistema de tratamento dos residuos urbanos: aposta por un modelo que realmente aposte pola reciclaxe, con especial fincapé na implementación dun sistema de compostaxe para todo o Concello.

Rehabilitación do noso Casco Vello. Dentro da aposta pola humanización en conxunto da vía pública da nosa vila, prestarase unha especial atención á rehabilitación progresiva e integral da nosa zona histórica. Un dos aspectos a abordar primeiramente, será a protección-cuberta ou soterramento, segundo os casos, da grande e irregular cantidade de cableado exposto.

Parques e Xardíns. Máis e mellores espazos verdes. Erradicación da política de corta de árbores e “substitución” por plantacións masivas de pés de árbores e plantas (de elevado custo) que logo secan ante o puro abandono.

Valorización dos espazos verdes existentes cun coidados atendimento deles, preservación das árbores urbanas e racionalización das podas. Apostaremos valentemente pola creación de novos espazos desta natureza, fonte de saúde integral para a nosa comunidade.

Un río da vila e unha vila do Río. O estado actual do paseo do noso río é lamentábel; tanto ou máis luxo que o resto da vila e cun valado que se desintegra progresivamente sen atendimento ningún polo Concello. Desde este aspecto primeiro e básico (na necesaria cooperación posíbel e obrigatoria coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil), avanzarase na integración do río na vila e viceversa (punto de vista urbanístico, socio-cultural, etc.). Neste mesmo relacionamento esencial inter-administrativo, velarase pola recuperación ecolóxica progresiva da cunca, e polo mantemento do caudal mínimo no período estival.

Prioridade na recuperación e reformulación do paseo e a contorna do noso río, integrándoo como ampla zona verde para o desfrute diverso e interxeracional da nosa veciñanza. Integración tamén do remate do “paseo fluvial” na R/ Rosalía de Castro, coa explanada que conecta este co parque R. de Castro, creando tamén un máis amplo e multifuncional espazo de recreo e relacionamento natural e urbano.

Reordenación do tráfico urbano que permita a cómoda transitabilidade a pé do noso pobo, con especial atención á accesibilidade para as persoas con limitacións de mobilidade ou sensoriais. Máis rúas con circulación de sentido único, e reformulación do carácter peonil de grande parte das rúas do noso casco vello.

Desvío definitivo do tráfico pesado do centro da nosa vila, mediante unha circunvalación real empregando as actuais pista e rúa Zepetal e conexión coa Avda. de Ourense.

Creación dun carril bici. É impensábel que na nosa, unha das vilas chairas por antonomasia do País, non conte cun carril bici, amplo e con todas as condicións de seguridade viaria, que permita á súa veciñanza percorrela e transitala en bicileta. É saúde ambiental e saúde xeral para o noso pobo.

Recuperación e adaptación para o uso do pobo de prazas e parques, coa creación de espazos de lecer e interacción na vía pública para a veciñanza, en especial as crianzas; Parque do Toural, Praza de San Roque, Praza Carlos Casares, etc.
Os bancos (si, os de sentar a xente sen máis) na rúa son importantes.

Activar un funcionamento real do aparcadoiro da rúa Curros Enríquez. O aparcadoiro público do concello deixará de estar absolutamente infrautilizado, e as rúas máis céntricas da nosa vila despexaranse de estacionamentos provisionais frecuentísimos que entorpecen @s peóns e a@s propi@s condutor@s. Comezará a proporcionar un uso realmente público permitindo o estacionamento nel por tempo limitado durante o tempo preciso para os recados máis habituais no centro do pobo (1€/1h).

Revisión e actualización do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Elaboración dun PERI para o casco vello da vila co obxectivo da revalorización, estudo e divulgación do amplo catálogo arqueolóxico.

Reto demográfico

Aposta decidida por empregar as capacidades, competencias e recursos ao alcance do Concello en frearmos a sangría demográfica e para a fixación de poboación, en especial, nas aldeas, establecendo medidas e/ou servizos igualitarios que garantan o desenvolvemento integral de toda a comunidade, tales como:

VIVENDA RURAL
Creación dunha Oficina da Vivenda Rural. Servizo permanente de asesoría xurídica e técnica inmobiliaria para a adquisición e rehabilitación de vivenda nas nosas parroquias e aldeas; aproveitamento das subvencións de ámbito europeo, estatal e galego para esta finalidade, e información e asesoramento integrais para as persoas interesadas.

Xeración dun Banco Público de Vivenda no noso Rural. O Concello creará un Banco Público Municipal de casas no rural, mediante as distintas fórmulas en dereito ao seu alcance (compra-venda, permuta, cesión en aluguer público protexido) para facer viábel o acceso á vivenda no noso rural ás persoas e familias novas.

EMPREGO
Implantación dunha Oficina de Incorporación ao Sector Agrogandeiro. Servizo permanente en colaboración coa Oficina de Xestión Agraria e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), de información e asesoramento permanente centrado na incorporación ao traballo nos nosos sectores produtivos.

TRANSPORTE
Servizo de Transporte Público vertebrador do rural e a vila do noso Concello. É inadmisíbel que posuír e empregar permanentemente un coche particular sexa preciso para nos desprazarmos da vila ás aldeas de Xinzo, e viceversa.

Educación e
Cultura

Centralidade do noso Museo Galego do Entroido. O Concello de Xinzo remunicipalizará a xestión do Museo Galego do Entroido, garantindo o seu funcionamento ininterrompido durante todo o ano, e apostando decididamente pola súa museización. Colaboración fraterna e estábel cos Concellos de Verín, Laza e Viana do Bolo para unha interacción enriquecedora na súa programación cultural e turística.

Revitalización decidida da nosa Casa da Cultura.

Aproveitamento das súas aulas para a impartición, con prezos realmente públicos e o máis próximos á gratuidade, de obradoiros de teatro, danza e artes plásticas, especialmente para nenas e nenos. Revitalización integral da programación cultural da nosa Casa da Cultura, para todo o ano: Labor activo de convite a@s artistas locais, comarcais e intercomarcais para a exposición das súas obras na Casa da Cultura.

Celebración de ciclos de teatro e outras actividades escénicas durante todo o ano, e ampla difusión e publicitación dos mesmos. Ampla difusión e publicitación das mesmas para a dinamización na súa visita e consumo, para o público en xeral, e en particular para o estudantado dos CEIP e IES da nosa vila.

Ámbito socio-formativo: Impartiranse palestras e obradorios en materia afectivo-sexual, en materia de toxicoloxía e outros ámbitos chave das relacións humanas e sociais. Priorización da sensibilización contra a violencia machista en todas as súas formas de expresión, contra a homofobia e transfobia, e contra a aporofobia.

Biblioteca municipal de ampla oferta horaria e condicións de cualidade. A O noso edificio da Casa da Cultura albergará unha biblioteca municipal na que se garantan as condicións de silencio e demais aspectos loxísticos axeitados para o estudo individual e consulta bibliográfica, propios dunha sala destas características. Durante os períodos de exames universitarios, a Biblioteca contará cun horario extraordinariamente amplo equiparábel ao das cidades con campus, para que as e os mozos de Xinzo conten coa posibilidade de prepararen os seus exames sen deixar de visitar a casa familiar e o pobo. Serán aproveitadas con carácter permanente outras aulas próximas da mesma Casa da Cultura que serán funcionalmente complementares da mesma, como Aulas de Estudo e Traballos académicos, igualmente regradas para servir correctamente ao seu fin, e cun ambiente sonoro e físico diferenciado: aptos para as conversas académicas, amplas mesas para compartir de cara á realización de traballos en grupo, etc. Igualmente, o Concello garantirá o aproveitamento REAL dos fondos bibliográficos ao dispor do municipio, con ordenado e pleno acceso da veciñanza á súa consulta e uso. Garantirase, mediante o emprego da cantidade de aulas preciso, que ambos tres usos se fornezan e preserven: estudo, traballo en grupo e consulta bibliográfica.

A nosa Casa da Cultura, Biblioteca terán a súa sede fixa nas correspondentes instalacións da vila mais terá as súas sedes itinerantes en todas as parroquias do noso Concello, mediante bibliotecas, obradorios, palestras e outros servizos culturais regulares desprazados aos pobos, e tamén descentralizados neles, pois parte da programación para o conxunto do Concello celebrarase tamén no noso rural.

Potenciar a creación dunha auténtica comunidade educativa limiá cunha aposta clara pola educación familiar, a educación interxeracional ou a a educación na natureza con obradoiros de lecer ao aire libre, excursións e saídas ao noso monte para as nosas nenas e nenos. O Concello de Xinzo, en colaboración estreita cos IES e CEIPS da nosa vila, garantirá o coñecemento do noso patrimonio histórico arquitectónico (Torre de Pena, Mosteiro de Trandeiras, Casco Vello de Xinzo) e do noso patrimonio natural, para toda a mocidade limiá.

Apoio firme ao noso tecido asociativo cultural. Sustento loxístico e económico para o asociacionismo que mantén con vida a nosa riqueza cultural e artística: Asoc. A Pantalla, Asoc. Civit. Esquecemento, Asoc. Mulleres Rurais, etc. Destinación de fondos económicos e cesión de locais para o desenvolvemento das súas actividades, que o son de interese público.

Xinzo Universitario. O Concello de Xinzo estabelecerá unha colaboración anual permanente co Sistema Universitario Galego (SUG); nomeadamente en materia de cooperación para os Traballos de Fin de Grao das titulacións universitarias Humanísticas e Enxeñarías Agrícolas e Agrónomas. Nesta interacción, o noso Concello ensinará e aprenderá máis sobre o noso sector agrogandeiro nas súas vertentes técnica-teconolóxica, socio-económica e ambiental, e sobre o seu patrimonio inmaterial etnográfico, cultural e lingüístico: levantamentos toponímicos e microtoponímicos, recollida de lendas e contos entre as e os nosos maiores, especialmente no noso rural. Esta cooperación estábel incluirá a oferta de cursos universitarios durante o período estival, quer para o estudantado universitario, quer para a veciñanza en xeral.
Riqueza intercultural limiá. Aposta pola mudanza integral das políticas municipais que nos manteñen nun illamento e distanciamento intolerábeis da nosa comunidade marroquí. O Concello de Xinzo garantirá progresivamente a aprendizaxe da nosa lingua a todas as nosas veciñas e veciños marroquís e a dotación das ferramentas para a autonomía persoal e pleno desenvolvemento social e laboral da nosa comunidade inmigrante, substituíndo as actuais políticas de illamento clientelar por unhas políticas de interacción real, con enriquecimento cultural mutuo entre ambas as culturas (obradoiros, xornadas socioculturais galego-marroquís, faladoiros, debates).

Pleno compromiso co noso Conservatorio, e coa Escola de Música da nosa vila ESMULI-Agrupación Musical da Limia. A aprendizaxe musical un valor riquísimo para a formación das nosa mocidade e das nosas crianzas. Revisión á baixa dos prezos públicos e incremento na dotación de medios humanos e materiais para garantir o mantemento da cualidade dos servizos.

Local de Ensaio para @ músic@s e grupos locais. Xinzo contará cun local de ensaio amplo coas condicións técnicas, acústicas e ubicación (situación) axeitadas, para lle dar apoio e acollida a que as persoas e grupos con actividade musical e interese, poidan “traballar a súa arte” nun local público e de cualidade. Unha situación axeitada e compatíbel cos usos dos inmóbeis anexos, sería o LOCAL ABANDONADO das piscinas de verao.

Xinzo, público e nos medios. Promoción de emisora de radio municipal, e aposta por unha imprensa dixital local sobre a actualidade da capitalidade e do conxunto da comarca, rigorosa e suficiente nos seus contidos, e serie e correcta no uso do idioma. Promocionarase a participación cidadá mediante o convite activo á participación oral e escrita (crónicas, artigos de opinión, debates, faladoiros, etc.). A radio e imprensa dixital públicas cooperarán activamente para a plena divulgación da oferta socio-cultural municipal.
Programación educativa enfocada en distintos eidos como a recuperación da cultura popular, costumes e tradicións que están a desaparecer no noso rural, a educación ambiental (tratamento dos residuos urbanos, a reciclaxe e os valores paisaxísticos), a educación e alfabetización para adultos, etc.
Recuperación integral do Mosteiro de Trandeiras como distribuidor cultural mediante a posta en marcha do Centro de interpretación da Paisaxe da Limia (limiarvm).Reconversión edificio "PROPASI - Museo da Terra" como contedor museístico onde se amose e divulgue a historia da longa tradición labrega, cultura popular e revolución industrial agraria da comarca a partires da desecación da Lagoa de Antela ata a intensificación agrícola dos nosos días.

Museo da Cultura Castrexa e da Romanización, sinatura dun convenio de colaboración co Museo Arqueolóxico de Ourense a xeito de nova sede da mesma matriz coa recuperación dun inmoble en ruína no Barrio de Abaixo.

Creación proxecto museístico ao aire libre "Paseniño - Un roteiro de máis de dous mil anos", roteiro urbano polos achádegos recollidos no catálogo arqueolóxico municipal. O paso do río Lethes é a primeira referencia historiográfica documentada da Gallaecia, da GALIZA concibida como tal.

Deporte e
lecer

Piscinas de verao. Mellora nos horarios, no redeseño e utilización do espazo e aproveitamento e servizo de bar-cafetaría.

Pistas de fútbol, tenis, balonceso e voleibol. Acceso digno durante todo o ano, correcto mantemento.
Creación dunha área cómoda e axeitada para os xogos populares: chave, ra, petanca (posibilidades explanada entre remate paseo do río e remate da rúa R/ de Castro, a pé do Parque R. de Castro –o cal ten que ser mellorado na súa salubridade-).

Revitalizar oferta de actividades deportivas no Pavillón de Deportes, e revisión dos prezos públicos á baixa. Creación de escolas deportivas: atletismo, ciclismo, baloncesto, natación, etc. Priorizándomos a participación de nenas, mozas e mulleres na creación de equipas.

Organización desde o noso Concello de Torneos ou competicións alén das fronteiras do noso municipio e mesmo de carácter internacional: xadrez, futobolín, motocross, co obxectivo do fomento da propia competición entre as/os participantes locais, e mais de resultarmos un destino atraente para as e os visitantes.

Colaboración co Concello limiao de Sandiás e o seu Hipódromo, así como coa Escola de equitación de Allariz para a oferta e potenciación desta disciplina entre a veciñanza, sobre todo a máis nova, a prezos públicos.

Natación para tod@s @s nen@s do Concello. O Concello revisará á baixa os prezos públicos da nosa piscina climatizada municipal e, así mesmo creará un Servizo Gratuíto de aprendizaxe de natación para todas as nenas e nenos do Concello de entre os 6 e os 11 anos de idade, explotando as posibilidades da xestión pública da nosa piscina, en colaboración cos centros de ensino.

Recuperación das zonas tradicionais de baño da vila e dos pobos e acondicionamento do seu entorno como un elemento máis que dote de cualidade de vida e que atraian o encontro e relacionamento entre a veciñanza durante o verán e o coñecemento e posta en valor do valor natural do conxunto do noso Concello.

Patrimonio histórico e
Turismo

Oficina Turística Permanente. Xinzo, capital lingüística do País.

Capitalización e posta en valor da nosa riqueza natural, etnográfica, arquitectónica (Museo de Trandeiras, Torre de Pena, areeiras, etc.) e tamén ligüística, dando tamén neste punto valorización a nos tratarmos dun dos Concellos do País en que máis vivo permanece o noso idioma, como elemento do que nos orgullar e que preservarmos e potenciarmos inda máis cara á veciñanza mesma, e cara ao resto de Galiza, e Portugal, pulando por convertérnomos nun referente da plena normalización lingüística e da interacción cultural coa veciñanza ao sur da Raia.

Sectores produtivos

Apoio total ás e aos labregos e gandeiros. Extinción da complicidade co falso modelo cooperativo imperante e fiscalización ás grandes empresas que nel obteñen o seu grande lucro contra as pequenas economías da maioría d@s empregad@s no sector e contra os intereses ecolóxicos e ambientais de todas e todos nós.

Presión municipal fronte ás Administracións Provincial, Autonómica, Estatal e Europea cómplices do modelo empobrecedor d@s labreg@s e do noso medio natural, mediante a Oficina do Sector Agrogandeiro para o apoio e asesoramento da e do labrego e gandeiro fronte ás presións das grandes beneficiarias e mediante o apoio decidido a proxectos agrogandeiros de natureza extensiva.

Atendimento, en colaboración con outras administracións, á conservación das pistas de concentración parcelaria, frecuentemente en mal estado para o tránsito da maquinaria agrícola e o acceso ás parcelas de cultivo.

Alianza do sector agrogandeiro cos sectores Industrial e Servizos. Resulta impensábel que unha auténtica potencia pataqueira e agraria como é Xinzo non estea a xerar máis cantidade de postos de traballo ligados á transformación do produto e ao seu consumo hostaleiro e mesmo artesanal. Favoreceranse as iniciativas empresariais de transformación do produto agrogandeiro limiao, xerando plusvalía para a comarca.

Aseguramento da plena implantación do plano de regadío.
Relanzamento dun auténtico Polígono Empresarial. Incremento da súa superficie e revisión da adquisición en propiedade ou arrendamento do terreo para o asentamento industrial.

Creación dun aparcadoiro público vixiado para camións e tráilers.

Apoio ao comercio local. Subvencionabilidade do alugueiro de baixos comerciais no noso Concello, focado a actividades de carácter comercial con especial interese xeral: artesanía, produto derivado da transformación da pataca, do cereal, etc.
Festa Gastronómica da Pataca.

Dinamización do comercio local. Impulso institucional para a revitalización da Asociación de Comerciantes.

Creación dunha "marca Xinzo" global e dun Área Comercial Aberta.

Revitalización da Praza de Abastos como prioridade e centro neurálxico destas políticas: enfoque produtos artesanais, caseños, horta, cooperativas, pequenos produtores, agricultura ecolóxica, viño, mel, froito seco, etc. na liña de proxectos como tenda Zalo Ítaca, Ourizo, Acebiño e outrso pero a escala dunha praza.

Bloque Nacionalista Galego de Xinzo de Limia | bngxinzo.gal