Declarado de Interese Turístico Internacional

Entroido de Xinzo

Un sentimento

Pra vir ó Entroido de Xinzo,
Non fai falta invitación,
Cómpre trae-las alforxas,
cheíñas de bo humor!!

Entroido-o-o, Entroido-o-o,
Entroido da nosa Antela,
Non hai festa coma ela,
Por baixo da capa do sol!!

O Entroido de Xinzo é un dos máis importantes en canto á carga ritual. É o máis longo de toda Europa ao estenderse nas celebracións ao longo de cinco semanas consecutivas.

Os días principais son o Domingo, Luns e Martes de Entroido, pero o Ciclo Tradicional arrinca moito antes cos Domingos Fareleiro, Oleiro e Corredoiro e aínda se prolonga co Domingo de Piñata.

Para entender a importancia singular do noso Entroido sinalar que dende o ano 2019 está declarado de “Interese Turístico Internacional”.

O Ciclo do Entroido

Petardazo

Debido á gran atracción turística que supón este acontecemento, decidiuse que os sábados que anteceden aos domingos do ciclo, tamén fosen de festa.

Así, arrincamos co Sábado de Petardazo que, xusto ás 00:00 horas, dá comezo á celebración co lanzamento dun gran foguete que ao estourar nos ceos limiáns, avisa a todas as veciñas e veciños do inicio do Ciclo Entroideiro.

Oleiro

A tradición das olas é unha das máis orixinais, espectaculares e vistosas do Ciclo do Entroido antelán.

Ten a súa orixe no antigo costume de “roubarlle” as olas ás mozas cando ían pola auga as fontes e pasalas de man en man entre os mozos como xeito de entablar relación co sexo oposto.

Actualmente o Xogo das Olas celébrase á tardiña na Praza Maior e nas rúas do Barrio de Abaixo, ata chegar á Praza de Oriente. Centos de olas traídas de Niñodáguia voan polo ar e rematan estourando contra o chan rachando en mil anacos. Unhas, as máis, viaxan baleiras, mentres outras levan dentro sorpresas que os xogadores descobren ao rachar. As reglas din que aquel ao que lle caia a ola debe pagar unha rolda de viño ao resto de participantes.

Fareleiro

Esta é unha tradición dirixida especialmente ás máis cativas e cativos, aínda que, ao final, todos desfrutamos da xornada.

Para atopar os seus antecedentes temos que remontarnos décadas atrás, cando as mozas e mozos xogaban a lanzarse os farelos ao ir facer a muiñada.

Quilos e quilos de farelos e de fariña son a munición perfecta para esta incruenta batalla que deixa a Praza Maior, as rúas adxacentes… e a todas e todos os que se atreven a participar, tinguidas dunha inconfundíbel cor branca.

Se estás pensando en visitarnos nesta xornada non veñas de calquera xeito! mellor trae a roupa máis vella do teu armario.

Noite de Corredoiro

Na véspera do Domingo Corredoiro, celébrase a Noite de Corredoiro, na que os homes han de ir vestidos de mulleres e que se instaurou como unha das citas máis importantes dos días previos, debido a que xa se albisca a proximidade do comezo da actividade entroideira e xa se respira o espírito festivo.

Nesta noite comezan a verse os primeiros grupos organizados e disfrazados e as primeiras parodias, aproveitando e tirando partido do travestismo puntual.

Colgamento do Meco

Antes do Domingo Oleiro, celébrase o sábado do desfile e colgamento do Meco, que presidirá a festa como símbolo entroideiro galego en contra da autoridade e que serve para facer burla de personaxes de actualidade, coa retranca e bo humor que caracteriza aos limiaos.

Na súa viaxe ata a privilexiada atalaia desde a cal observará o decorrer da festa, o Meco é acompañado pola Procesión dos Fachós, que son elaborados artesanalmente coa palla colleitada a man nunha seitura que se realiza no mes de xullo.

Corredoiro

Atrás quedaron os domingos temáticos e na terceira fin de semana entroideira desátanse as ansias de festa e centos de persoas disfrazadas se botan ás rúas de Xinzo animándoas co despregue multicor característico.

A novidade é que as Pantallas teñen xa permiso para tomar o seu lugar nas prazas e rúas da vila e podemos velas por primeira vez. O que uns días despois se tornará habitual ten o seu comezo oficial nesta xornada.

A música e os disfraces enchen o pobo e locais e visitantes desfrutan dunha tarde xa de pleno entroido que, nos últimos anos, é case indistinguíbel dos días grandes que aínda están por vir.

Sábado

Quentamos motores, por diante preséntanse catro días intensos de festa, hai tempo para troulear pero non é cuestión de deixar pasar as oportunidades, hai que aproveitar dende os primeiros compases pra non laiarse ao final.

Luns

O luns, ao non ser día feriado, é unha xornada tradicionalmente aproveitada polos veciños e veciñas de Xinzo para desfrutar da festa cun chisco máis de intimidade.

Especialmente pola mañá o entroido pódese confundir coas tarefas cotiás da vila e a imaxinación pode baterche nos fuciños á volta de calquera esquina.

Entroido

Estamos nas xornadas centrais da celebración, atrás quedaron as fins de semana previas, agora, durante catro días consecutivos, a xente toma as rúas de Xinzo ataviados coas roupaxes máis estrafalarias ou cos disfraces máis elaborados, todo vale, todo está ben, non hai regras escritas.

Individual e colectivamente a sorpresa pode saltar en calquera recuncho en forma de escenificación, representación ou parodia. A presenza da música é constante: gaiteiros, charangas, … e sempre, sempre, co pano de fondo que representa o son das Pantallas, correndo, saltando, facendo sonar choquiñas e axóuxeres, entrechocando as vexigas, ouveando pra poñer respecto na xente e medo naqueles que anden sen disfrazar.

É o Entroido de Xinzo, un sentimento!

Domingo

Dende ben cedo pola mañanciña os máis madrugadores, ou os que aínda non se deitaron da noite anterior, déixanse ver xa polas rúas do barrio vello saudando aos que a esas horas de dirixen á igrexa do pobo á obrigada cita dominical.

Precisamente a saída da celebración relixiosa é aproveitada por moitos para despregar as súas dotes humorísticas diante dunha audiencia entregada e, ao tempo, animar a rutina habitual das feligresas.

Martes

Estamos perto do remate e imos facelo por todo o alto. Centos de visitantes se achegan para asistir ao Desfile do Martes e ver pasar disfraces, comparsas, carrozas e grupos musicais.

Logo de un mes apuramos as últimas horas de festa.

Desfile infantil

Pola súa espectacularidade visual e imaxinativa o Desfile Infantil, que se celebra o venres antes da fin de semana do Entroido, tense consolidado nos últimos anos como unha das citas imprescindíbeis no calendario.

Centos de nenas e nenos percorren as rúas de Xinzo dende os seus colexios ata a Praza Maior, onde se mesturan con outros nenos e nenas que veñen dende centros do resto de concellos da Limia.

Cada clase traballa nas semanas previas no traxe que lucirán nesta xornada, reforzando a implicación e o coñecemento das súas tradicións dos cativos e cativas da comarca.

Domingo de Piñata

A semana de carnaval, no resto da península, terminaría co enterro da sardiña, pero outra das peculiaridades do Entroido de Xinzo é que aínda se alarga un día máis, ata o Domingo de Piñata, no que a festa se dá por rematada coa realización de actividades infantís e cos derradeiros compases das charangas.

Enterro da Sardiña

Remata o Entroido, atrás quedaron as xornadas felices e a ledicia da festa, toca despedirse ata o ano seguinte.

Todos os sentementos de tristeza, que acompañan a esta despedida temporal, son novamente satirizados e esaxerados ata o extremo no cortexo fúnebre que acompaña á sardiña ao seu inevitábel final de lume nesta primeira xornada da recén estreada Coaresma.

Nada fuxe á ollada transgresora do Entroido, ata a mesmísima Dona da Fouce, con todas as súas connotacións negativas, é obxecto de burla e parodia.

A Pantalla

A Pantalla é a máscara tradicional de Xinzo, un símbolo do pobo a nivel internacional cuxo cometido é ser o gardián do Entroido, garantindo que todo o mundo forme parte activa da festa.

Concello de Xinzo de Limia
Concellaría de Cultura e Mocidade

Rúa Curros Enríquez, 15
Xinzo de Limia 32630 OURENSE

Tlf. +34 988 550 111 / +34 604 078 053
Email: cultura@xinzodelimia.gal