A Pantalla

A Pantalla é a máscara tradicional de Xinzo, un símbolo do pobo a nivel internacional cuxo cometido é ser o gardián do Entroido, garantindo que todo o mundo forme parte activa da festa.

O traxe consta de camisa e pantalón brancos, faixa vermella, polainas negras de veludo, pana ou fieltro, capa vermella con cintas de cores variadas, zapatos negros e luvas. Como elementos sonoros leva un cinto de campás e axóuxeres e, na man, as distintivas vexigas de vaca, que ao ser golpeadas producen un son distintivo e único. Finalmente o elemento máis significativo é a propia máscara, fabricada artesanalmente con papel, fieltro, cartón e engrudo e pintada con esmaltes de cores diversas e vistosas, que reflicten a personalidade da propietaria ou do propietario.

A Pantalla representa unha especie de ser supraterrenal, con ceño engurrado que, paradoxalmente, tamén sorrí de forma satírica danzando a paso rítmico, entre saltando e camiñando, coas costas un pouco curvadas, os brazos abertos e as pernas arqueadas. O seu comportamento e actividade principal, case única, é precisamente o baile aínda que, ao detectar a algún coñecido que ande pola rúa sen o obrigado disfrace, ten permiso para collelo e levalo en volandas ata o bar máis cercano, onde deberá convidar a unha rolda de viño.

0 Comments

Todas as imaxes publicadas nesta web foron cedidas para o seu uso na promoción e difusión do Entroido de Xinzo e están libres de dereitos de autor, se por erro ou descoido atopas algunha que non cumpra este requisito pregámosche nolo fagas saber enviando un correo ao enderezo info@entroidoxinzo.gal para proceder á súa retirada. Grazas. 🙂